Pages Navigation Menu

Os medios fanse eco da oposición ao Plano Vigo Íntegra

Tanto Vieiros como GZnación destacan a oposiciòn que os colectivos integrados en A Ría Non Se Vende están a amosar a través de múltiples alegacións. En artigos anteriores desta páxina xa dabamos conta da posición de colectivos como Salvemos Monteferro, Luita Verde, e do Colectivo Nacionalista de Marín, todos eles adheridos á rede Galiza Non Se Vende e opostos ao Plano Vigo Íntegra

En Vieiros saliéntase que o plan viario Vigo Íntegra prevé unha inversión de preto de 2 mil millóns de euros destinados á mellora de infraestruturas de comunicación desta cidade e máis a súa área de influencia, a través de 70 actuacións sobre 350 quilómetros de vías. Porén, dende a súa presentación no mes de abril, este proxecto non fai máis que sumar colectivos na súa contra. A proba son as máis de seis mil alegacións que presentaron entidades veciñais. Pero ademais, organizacións ecoloxistas, na defensa do patrimonio e mesmo gobernos municipais xa se manifestaron na súa contra.

Uns 25 colectivos da zona veñen de protagonizar un acto simbólico en Vigo, ao entregaren as súas últimas alegacións (o prazo remata o mércores) no edificio administrativo da Xunta na cidade olívica. Foron A Ría non se Vende (que aglutina a 14 organizacións), xunto con colectivos como Afectados Rolda Vigo – Lavadores, Alternativa Veciñal, Sárdoma en Loita, Club Espeleolóxico Maúxo, Colectivo Nacionalista de Marín, Xogo Descuberto e as plataformas Plan de Seguridade Viaira PO – 325, Pola Defensa de Mos, Priegue Unido e Gondomar Vive. Denuncian os danos irreversíbeis que producirá o plan tanto no eido arqueolóxico, como histórico ou natural.

Neste sentido, Xosé Reigosa, voceiro de A Ría non se Vende, fai fincapé na división que este proxecto terá sobre diferentes concellos afectados: “a fragmentación do territorio que se deriva do plan é terríbel e reflíctese na división de municipios e parroquias, que quedan literalmente divididas en dous”. Así sucede por exemplo en Nigrán, Mos ou Gondomar, onde tamén os gobernos municipais presentaron alegacións. Ademais, en moitos casos prevese a expropiacións de vivendas e afeccións importantes a castros ou petroglifos, entre outros vestixios arqueolóxicos.

Ademais, dende A Ría non se Vende denuncian que esta iniciativa que contempla a creación de 220 quilómetros de autovía no entorno de Vigo, “non contempla nin unha mínima referencia ao transporte público, tal e como obrigaría a normativa europea”. Segundo aseguran “está unicamente baseada no asfalto e nun modelo caduco onde se lle dá prioridade ao transporte en vehículo privado sobre o público”.

“Todos somos afectados”
Reigosa asegura que os afectados son todos os veciños da zona, que se verán prexudicados dunha ou doutra forma. Dende finais de agosto os diferentes colectivos manteñen o contacto para traballaren conxuntamente contra o Vigo Íntegra, até o de agora na elaboración de alegacións. No futuro organizarán unha gran mobilización en Vigo, da que aínda falta por concretar a data. A pasada fin de semana, xa deron un adianto os veciños de Gondomar: máis de tres mil persoas marcharon baixo a convocatoria de Gondomar Vive e ao grito de “Onde vivimos importa”.

Mentres, veciños e asociacións agardan que a Xunta e maila Consellería de Política Territorial reflexionen sobre esta iniciativa e a retiren: “nun país minimamente democrático e cunha contestación social tan importante, só nos cabería agardar a retirada do plan”, di Reigosa ao tempo que matiza “haberá que agardar para saber cales son os verdadeiros intereses que primarán nesta cuestión, se os sociais ou os económicos”.

Mentres en GZnación infórmase que o Plano “Vigo Íntegra” foi presentado como baluarte da competitividade, da seguridade e da calidade de vida para a xente da zona. Catorce colectivos veciñais presentaron alegacións ante un texto “destrutor” e feito ao servizo “dos grandes empresarios. O pasado ano por estas datas o PSdeG vivía a súa particular disputa de dirixentes cando o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, propoñía unha enorme área metropolitana nas Rías Baixas, que ‘unirían’ as cidades de Vigo e Pontevedra como os puntos fortes dun espazo territorial case inabarcábel. Sen embargo, Romeu topou coa negativa “sen discusión” do rexedor vigués, Abel Caballero, quen apostou por un Vigo ‘estrela’, ao redor do cal xirarían outros 27 satélites. Nada de Pontevedra.

Así as cousas, O Morrazo, Redondela, Condado, Louriña, Val Miñor e Baixo Miño serían as zonas cualificadas como “de influencia” olívica que Caballero, ex presidente de ‘Puerto de Vigo’, estaría disposto a aceptar. Cunha escolma do plano na man, as esixencias chámanse agora ‘Plano Vigo Íntegra’.

En cifras, ‘Vigo Íntegra’ é tan grande como en ambicións. Estas últimas chámanse “obxectivos”, que pasan por resumirse nunha procura da “mellora da accesibilidade de Vigo e a súa área de influencia”, unha mellora da “competitividade”, a mellora “da seguridade nos desprazamentos” e a da “calidade de vida dos cidadáns”. En cifras, 2.000 millóns de euros, 70 actuacións a desenvolver en devandita área e 350 quilómetros máis de estradas no centro de Vigo, o corredor do Morrazo, Gondomar ou Mos.

Presentado en agosto, as asociacións que conforman o colectivo ‘A Ría non se Vende’, cren que detrás da data escollida está un intento da Xunta para “complicar o coñecemento” social da magnitude do plano e para “dificultar a presentación” de alegacións. Un destes colectivos é ‘Bouzas Móvete’, que traballa arreo para impedir que os sucesivos planos de expansión da cidade coman millóns de metros cadrados ao mar. Malia aos “impedimentos” que aseguraron ter para a presentación das alegacións, cren que fixeron un bo traballo.

“Nós presentamos unhas alegacións ben fundamentadas, incluímos criterios de planificación do territorio, a falta de acción estratéxica, demandas en canto ao transporte”, asegura Alberto Méndez, de Bouzas. “Agora a Xunta, despois de termos entrado no seu xogo democrático, ten a obriga de dar unha resposta”, sentencia.

Non é posíbel, nin doado, escapar á evidencia do poder de dous organismos dentro das decisións políticas da cidade máis grande do noso país. Puerto de Vigo e Zona Franca son grandes beneficiarias dunha complexa trama viaria que vertebrará a cidade coas vilas do antigo plano de Caballero co peirao vigués, as naves de Bouzas, a futura ronda de Vigo… “O plano pensouse para os empresarios”, engade Méndez, “non se pensou nada no ben social, este é un modelo de desenvolvemento obsoleto”. “A base da mobilidade e da competitividade non son as estradas”.

Espiñas de asfalto

Desde o aire, sumando acometidas viarias, a chamada ‘zona de influencia’ de Vigo será unha inmensa concatenación de vías, autovías, variantes e accesos que terán, en última instancia, como único obxectivo o de “reducir os tempos de viaxe” nun 32% de media entre Vigo e outros seis emprazamentos: O Morrazo, Nigrán, Gondomar, O Porriño, PLISAN (Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra e As Neves) e a área industrial Porto do Molle.

“Para nós este plano ten unha enorme falta de sensibilidade […] todo se resolve con circunvalacións”, condena Alberto Méndez. “E o que queda son cascos históricos degradados, un Vigo desestruturado, agresión a petroglifos, a canles fluviais…” Certamente, as “conexións co entorno” devorarán meirande parte da partida orzamentaria destinada a acometer este plano, con 1.200 millóns de euros en previsión. Obras espectaculares como a ampliación da Ponte de Rande, o desdobramento da Vía (rápida) do Morrazo, conexión Vigo-Val Miñor, acceso a PLISAN ou unha nova -outra- autovía entre Vigo e Pontevedra.

“Son dous mil millóns, dous mil, que se poderían destinar a outras cousas” para cumprir os mesmos obxectivos, afirma Méndez. “Non barallaron a creación de trens de cercanías?”, pregúntase. “Non, pensaron no desdobramento da vía do Morrazo”, ben coñecida por enxeñeiros, técnicos e veciños por ser exemplo de agresión contra o medio natural e histórico de Domaio, Moaña, Coiro ou Aldán.

‘A Ría non se Vende’, agrupada dentro de ‘Galiza non se Vende‘, recoñece complicado o camiño da alegación, mais aseguran que recorrerán ás mobilizacións e protestas para frear un plano que satisfai a Caballero, ao Porto de Vigo ou a Zona Franca, co obxectivo dunha competitividade e redución de tempo da viaxe para quen, se cadra, sempre ten présa.

 

2 Comments

  1. Non sairá adiante. Gostei especialmente do artigo de gznacion malia que non sexa un medio que consulte a miúdo. Lara Graña creo que é de cangas e ten moitas reportaxes moi interesantes. O artigo dela no xornal é realmente demoledor con caballerito, Caride e compañía. Recoméndovos que lle botedes un ollo

  2. Vigo ten moito que mirar…

Deixa una resposta a Erasmo Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.