Pages Navigation Menu

Verde vergoña

Publicamos unha nova que nos mandan dende as Terras de Caldas. O encoro do Umia amosa un problema común á práctica totalidade dos ríos galegos: unha alta contaminación e un desleixo das administracións incapaces de poñer freo aos responsabeis das desfeitas.

  Mediante esta reportaxe queremos amosar unha realidade ocultada detrás dos obxectivos das cámaras e invisíbel para os gobernantes, un caso tamén descoñecido para a “opinión pública” cando non sae nos medios de comunicación pero un problema constante que está aí magoando un río e unhas cantas credibilidades. O aspecto das augas do Encoro do Umia, verdes unha vez máis, é incomprensibelmente ignorado. É preciso aclarar que ningunha das imaxes que ilustran o texto foi manipulada e as tonalidades son absolutamente reais.

 A piques de pecharse un verán máis, a situación das augas encoradas do Umia en Caldas non experimenta novidade ningunha con respecto a outros anos. Dende fai dous anos, a chegada das altas temperaturas e da calor viña significando a aparición da alga tóxica microcystis, produto da toxina microcistina. A podremia do fondo das augas, consecuencia do enchido do vaso sen máis “preparación” cá eliminación indiscriminada da flora e da fauna, en combinación con esta cianobacteria da como resultado unha viscosidade verdosa. Isto presentouse como unha seria ameaza alá polo mes de xuño do pasado ano, cando se decretou a alerta que iría variando de nivel até ben entrado o mes de febreiro deste 2008. Xa antes, a vila caldense vírase privada do consumo de auga potábel ao establecer tal prohibición o Concello.

Dende a construción do Encoro do Umia, a auga vén sendo un problema principal para a poboación de Caldas de Reis e para os seus dirixentes. Tamén ocupa un espazo preferente nos crebacabezas da Consellaría de Medio Ambiente, que non aforrou en publicidade para referirse á suposta “rexeneración” do río que pretendía levar a cabo mesmo poñéndoo como exemplo para toda Galiza.

 A historia recente do estado da polémica presa xira en torno á oportunidade política. Se nos remontamos aos comezos, a oposición veciñal foi igual de decidida ca o proxecto do PP de erguer o encoro contra todo e contra todos. Nin atenderon estudos, nin ilegalidades, nin sentenzas nin razón ningunha. A oposición do PSOE e do BNG parecía o único “cravo ardendo” ao que agarrarse e a chegada ao goberno da Xunta era un halo de esperanza. Mais nisto, como en tantas outras cousas, probaron que aquel posicionamento era ficticio e tan só procuraba o rédito electoral. Ao mudaren as tornas, a veciñanza quedou soa unha vez máis e a denuncia crítica limitouse aos colectivos sociais e ecoloxistas que incluso solicitaron a demolición do encoro apoiando así unha proposta plenaria do BNG caldense. O cumio do cinismo tocouno o voceiro do PP en Caldas, que pedía o baleirado e limpeza do encoro (quizais os seus desexos chegaban con varios anos de retraso) cando Medio Ambiente presentaba un suposto Plano de Seguimento da Conca do Umia.

 Entre o fume propagandístico e as promesas de políticos afeccionados foron discorrendo os  meses sen solución real. Ningunha medida encamiñada a atallar o problema de contaminación e saúde pública que constitúe o estado actual das augas do Encoro. No Nadal pasado, o departamento autonómico de Medio Ambiente lanzaba unha das máis orixinais ideas que se lle teñen ocorrido no tempo que levan ocupando os seus despachos. Unha boia situada a uns cincocentos metros aproximadamente da presa que supostamente mide a contaminación da auga en tempo real. Dos resultados do trebello non volvemos ter novas, tan só que alí continua, malia ter anunciado que os resultados se publicarían na rede. A non publicación de novidades induce a pensar que estas non existen, co cal, é lóxico que sigamos agardando polas medidas a tomar. Ao fío disto, a web da Consellaría de Medio Ambiente reserva un oco para o Plano de Seguimento do Río Umia. Nun fermoso mapa representa quince puntos de suposto control (dende Forcarei até a súa desembocadura) con cadansúa táboa ben completa de información. Mais curiosamente, as dúas referencias que sitúa no propio Encoro non se atopan dispoñíbeis para os usuarios da web… Por outra banda, as últimas medicións teñen data do pasado mes de abril, co cal a información non se pode dicir que estea actualizada. Cómpre sinalar que a información das medicións do pasado ano no referente a alertas é abondosa.

Perante este panorama, non é aventurado afirmar que a situación do Encoro do Umia non lle preocupa a ninguén que ocupe un cargo de responsabilidade política, xa sexa a nivel local ou autonómico. Quen pretenda negar tal cousa debera explicar primeiro cuestións como: Cales foron as medidas reais e efectivas que se tomaron para solucionar verdadeiramente o problema? Cando se procedeu á limpeza das marxes, ao coidado e conservación da flora e fauna da ribeira? Que se fixo para evitar as continuas verteduras que van parar alí e que contribúen a alimentar a contaminación? Todas estas preguntas van dirixidas aos gobernantes tanto da Xunta como dos Concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña. Semella que é un problema que se atopa nun recuncho de cada un dos tres municipios, e mesmo se podería dicir que carece de interese para eles xa que quen o padece e convive con el acotío son os veciños e veciñas das aldeas que miran cara as podres augas.

 O problema sorprende e indigna a quen o ve puntualmente. Os colectivos organizados da contorna (ben sexan formacións políticas ou sociais) que se amosaron contrarios á construción do encoro ou nalgún momento ergueron a voz para denunciar a situación semellan abouxados ou ausentes. Do máis grave é a oposición de xornal que fai ICDR, partido político con representación na Corporación caldense que anunciara a finais do pasado ano (concretamente canda a colocación da boia) que se non se tomaban medidas iniciarían mobilizacións. Desta formación tan só temos novas nas vésperas dos Plenos Municipais, cando saen anunciando unha xeira de propostas nos medios de comunicación. Accións reais, ningunha. Os hoxe gobernantes e antes opositores néganse a ollar cara o encoro noutra ocasión que non sexa a hora de cobrar o canon anual establecido. É verdadeiramente indignante ver como os dirixentes (tanto locais coma nacionais) proseguen as súas pasarelas de fotos e sorrisos obviando un problema tan grave coma este, para o que adican sonoras declaracións e promesas cada vez que un xornalista lles recorda o asunto.

 http://terrasdecaldas.wordpress.com

 

 

One Comment

  1. Ojala tuviese fotos del rio Avia a su paso por Ribadavia estaba marrón este verano como un orinal recien usado. Segun comentan por los sedimentos de grandes obras. Vivimos en un curruncho asediado. Nos están tomando el pelo.

Trackbacks/Pingbacks

  1. El embalse gallego del Umia vuelve a teñirse de verde - [...] El embalse gallego del Umia vuelve a teñirse de verdegalizanonsevende.org/?p=534 por feiranta hace pocos segundos [...]
  2. O verde non marchou co verán no Encoro do Umia « Terras de Caldas - [...] esquecemento este verde tan pouco ecoloxista e estas podres “augas de Galicia”. A rede nacional Galiza Non se Vende…

Deixa una resposta a Ret Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.